Tori a Ladrona de Almas (III)

A noite era escura. O lume seguía vivo na entrada. Todo era silencio. Todo era calma. Sabía onde se atopaba Annia, pero non me atrevín a ir a por ela. A advertencia de Alba deixárame aterrada. Non ter a axuda do vello non era o que me asustaba, era non ter sentido o seu engano. Sabía que era poderoso, pois as súas roupas eran antigas, levába túnica e zapatos sinxelos, coma un monxe. Seguramente levaba nese terreo máis tempo que a casa.

Non sabía que paso dar a continuación. O meu plan era sinxelo. Ocuparme de Annia, selar ao home sen emocións e liberar ao ancián. Polo camiño atoparía a Moira e poderíamos irnos de alí. Pero se non podía fiarme do respaldo do outro espectro, tería que obrar con máis coidado.
 
—Onde estás Moira? —murmurei, moi quedo—. Por que non podo sentirte...?

—Xa non está —respondeu unha voz ás miñas costas. Era a voz de quen desfruta facendo o mal. De quen non sinte remordementos por matar aos seus fillos—. Pero non te preocupes, pronto seguirás o seu camiño...

Reaccionei rápido. Transporteime á miña zoa segura. Por sorte, estaba cerca e non gastei moita enerxía, quería reservar todo o que puidera. O home sen emocións non me perseguiu, tiña vantaxe e podía utilizala. Eu quería salvar á miña compañeira, resistíame a crer que fora demasiado tarde. Pensei varias veces en fuxir, recoñézoo, convencíame de que o mellor sería volver con reforzos. Pero non podía deixala alí, non podía, mentres houbera esperanza para ela: eran as normas.

Tería que sair do meu refuxio en algún momento e tiña tres espectros na miña contra. Respirei fondo para reunir o meu poder. Transformeime en Loba e saín do círculo de sal e lume, deixando atrás o meu corpo. Isto demostra o mal que estaban as cousas. Como xa che dixen, os espíritos son máis sensibles a outros espíritos. Podería sentir ao home sen emocións e máis ao ancián, pero tamén era máis vulnerable.

Fun directa a por Annia. Teño que dicir que a selei, cando estou en forma animal é o máis rápido. Arrepíntome, seguramente liberala tería sido fácil, coma coa súa nai. So era unha cría que cría que estaba defendendo á súa familia. Tempo despois fun en persoa a liberala do seu encerro, pero foi despois de gañarme o título de Ave Branca.

Busquei ao home sen emocións, pero xa non estaba no mundo terreal. Hai un lugar ao que chamamos O Inferno. Non é coma ese lugar de tortura do que falan algunhas relixións, pero tampouco é un sitio agradable. Alí era onde acabab de mandar a Annia, e alí estaba o seu pai. Se agora estás pensando que fora correndo a liberala, está claro que tes que revisar como xulgas á xente. A maioría dese espazo o controlamos as Gardas, pero non todo. Hai unha pequena parte, rodeada por unha barreira de miles de capas, que está rexentada polos espíritos malignos. Alí sentín tamén a Moira. Podes imaxinarte a que torturas fora sometida mentres eu me sentaba a agardar a chegada da noite? Síntoo, Moira, de verdade que o sinto.

Non é sinxelo trasladar un corpo a un lugar coma ese. O home sen emocións non tiña tanto poder, pero o monxe si.

Entrar alí en forma de loba sería inútil, pero podía invocala. Era un ritual moi sinxelo. Usei a miña zoa segura e convertina nunha porta ao Inferno. Tiña que pechala en canto saíra a miña compañeira, ou estaría en graves problemas, pero podía controlalo. Abriuse unha pequena fenda espiritual no espazo gardado polo lume. Era un lugar puro, so ela podía entrar. Unha bola de sangue caeu ante min e pechei a porta de inmediato.

—Tori...

O seu corpo xa non era un corpo. Estaba destrozado, feito xiróns, pero seguía viva.

—Tori, achégate... —puidome dicir.

Inclineime sobre ela e, cunha forza que non esperaba, colleume a cara e bicoume nos beizos. Notei o espírito de Moira inundar o meu corpo, ligarse coa miña alma. Fíxose parte de min. Nunca souben por que o fixo, supoño que estaba desesperada por deixar de sufrir.

Inspirada no seu sacrificio, volvín a transformarme en Loba. O home sen emocións estaba a salvo no Inferno, pero había outra pantasma que seguía na casa. Aínda, cando necesito poder, penso en Moira e no rapaz que asasinaron aqueles espectros. Penso en canto tardaría en morrer. Houbo poucas ocasións ao longo da miña vida nas que acumulei tanta ira. Sentía a forza inundar cada célula do meu corpo animal.

O vello estaba na entrada da casa. Sorríndome.

—Non sabes o que se sinte ao escoitar berrar a un infiel.

Hai unha norma non escrita, un pequeno xuramento que nos facemos a nós mesmas cando comezamos, cando somos novas e idealistas. Son tres palabras moi sinxelas: non facer dano. Aquela foi a primeira vez que o rompín. Desde ese día o mundo non foi igual, empecei a camiñar por un camiño moi escuro.

Un alma é moi clara cando sufre. Ao igual que sabemos calmalas, podemos facelas sufrir. Torturei a aquel monxe mentres durou a lúa. Vin todo canto quixen no seu interior. Vin como posuía ao home sen emocións en vida para que matara á súa filla. Vin como se aliaban na morte para torturar aos espíritos, el sempre desde a sombra, agardando o momento idóneo. E como desfrutou mandando ao mozo ao Inferno, véndoo suplicar e chorar. Vin a súa alegría cando sentiu a miña presencia e como me manipulou, buscando que debilitara ao seu aliado para que el puidera devorar a súa alma. Vin, por primeira vez, a xenuína maldade.

Non foi placenteiro para min aplicarlle a súa propia xustiza, pero pensei que era necesario. Son os efectos do poder, o efecto que ten a ira nas Lobas cando acumulamos demasiada, pero aínda non o sabía.

Cando saíu o sol, comecei a notar os efectos do cansancio. Apliquei ao monxe o selo máis duro que coñecía e descansei. Alí mesmo, preto do corpo da miña compañeira. Non tardaron en chegar os Ancestros, sempre acuden ante a morte dunha Garda. Expliqueilles o que ocorrera, pero non me creron cando lles dixen que Moira me entregara a súa alma por propia vontade, pero non me xulgaron, porque ela tería morto igual. Así me gañei o meu primeiro título. Desde ese día, e van case catro séculos, fun a Ladrona de Almas.

Comentarios