A miña historia con Kiba (I)

Ter vivido tantos anos fai que esquezas moitas cousas, tes demasiados recordos. Cousas boas, malas e peores. Pero outras permanecen intactas, por moito que me pese ás veces. Ese é o caso de Kiba, lembro con todo detalle o día que o coñecín, o día que comecei a amalo e o día no que, por primeira vez, rompín as regras das Gardas.

Para que poidas comprender ben o que significa para min esta historia, debes saber quen era por aquel entón. Levaba xa uns anos desempeñando o meu oficio e comezaba a dárseme bastante ben, incluso me recoñeceran nun bar unhas novatas da escola da Rata. Empezaba a camiñar coa cabeza alta e a ser algo fachendosa, nunca rompera as regras nin moito menos fora chamada para un concilio. Dábamas de ser a Garda perfecta. Era nova, enténdeme.

Un día calquera dun ano calquera paseaba por unha cidade. Lembro o nome da cidade, pero xa fai tanto que desapareceu que non merece a pena mencionalo. Era un lugar antigo, a arquitectura era practicamente venerada e mantida ata o último detalle. Había edificios modernos que encaixaban á perfección cos antigos, dando lugar a un efecto inesperado pero fermoso. Para min era un fogar, un refuxio. Nos baixos fondos desa urbe era onde as Gardas se reunían para contar as súas aventuras. Sentíame comprendida e, non podo mentirche a estas alturas, tamén me sentía superior aos simples humanos.

Sei que me dirixía a un local de confianza, onde sabía que atoparía oídos amigos e algo de información para planear o meu seguinte paso. Antes de chegar, decidín parar nunha pequena tenda, como Garda, non preciso comer demasiado, pero ás veces teño antollos, coma todo o mundo. Nese intre o que me apetecía era algo tan simple coma unha peza de froita. E alí atopei a Kiba, detrás do mostrador, atendendo a unha muller maior con simpatía e dozura. O seu sorriso era magnético. Non adoitaba interesarme moito polos humanos daquela, pero sentín que el era diferente. Estaba no certo, por suposto, o meu instinto non adoita errar.

—Bos días —saudoume cando chegou a miña quenda.

A súa voz tiña un ton sedutor, pero tamén era cálida. Entregueille o saco de froita que collera dos estantes e foina pesando. Mirábame entre medias e adicábame un sorriso. Eu non llo devolvía, parecía un home doce, pero tamén estaba claro que sabía o atractivo que era. O seu cabelo, de cor castaño, estaba perfecto, seguramente adicara moito tempo a coidalo. Os seus dentes eran brancos e rectos. Os seus ollos dun verde intenso. Tiña o corpo moldeado polo traballo, pero nin unha marca de suor na roupa. Non é o máis habitual para un tendeiro.

—Este é o teu traballo habitual? —preguntei con máis brusquidade da que pretendía.

—Non, é a tenda da miña nai, pero adico algo de tempo a axudala de cando en cando.

Vouche facer unha advertencia, porque aínda non o coñeces, pero todo canto di Kiba é mentira. Aquilo, por suposto, tamén o era, pero eu estaba demasiado aparvada por el como para notalo. Quedeime embelesada, parecíame tan doce e tan guapo que case non o podía crer. Non continuei o meu camiño, quedeime alí, deixándome seducir.

Desde entón e durante os próximos días, contoume moitas historias. Finxiu ser un bo rapaz que coidaba da súa pobre nai enferma. Finxiu ser un home sensible e atento, que escribía en revistas para gañarse á vida e que desfrutaba da vida bohemia. A verdade é que era un asasino a soldo, acabara co dono da tenda por mor dunhas débedas de xogo e, para disimular ante a policía, que andaba preto, fixérase pasar polo tendeiro. A súa idea era quedarse so uns minutos antes de escapar, pero aparecín eu e cambiou de plans.

O mesmo día que o coñecín leveino comigo á pensión na que me aloxaba. Pasamos xuntas tres días, intercalando sexo e conversacións profundas sobre as nosas vidas. O que eu lle contei eran medias verdade, o que el me contou eran grandes enganos. Pouco despois, tiven que marchar, aínda sen querer escoitar, oíra que había unha casa embruxada preto de alí que estaba dando problemas. Achegueime coa promesa de volver a encontrarnos naquela cidade. Cando volvín el xa non estaba. A tenda estaba pechada e descubrín o que ocorrera. Atei cabos en seguida, pero era nova e apaixonada e non me importaron as súas mentiras.

Desde entón, atopámonos moitas veces en lugares distintos e circunstancias cada vez máis sospeitosas. Díxenlle que sabía a que se adicaba e que o comprendía, que non ía rexeitalo por iso, que podía contarme a verdade. Xurou que o faría, xurou que non me mentiría nunca máis. Podes sentir como me rio? Creo que ata a miña eu de entón puido sentilo, porque non mo crin de todo. Pero non me importou, outra vez.

Co tempo, acabamos tendo algo de estabilidade, atopabamonos sempre na cidade onde nos coñecemos. Alí tiñamos un pequeno piso, durante un tempo foi para min un fogar. Creo que para el tamén, pero con Kiba nunca se sabe.

Quizais penses que son unha inxenua, pero, pese a todo, cheguei a coñecelo moi ben. Vía a través das súas mentiras coma se fosen auga clara, chegado certo momento, non puido enganarme máis, e iso foi o principio do fin. Aínda así, estou certa de que Kiba chegou a quererme. Estou certa de que, a pesar do que pasou despois, aínda me quere, pero non era a persoa que eu necesitaba, aínda que iso non o souben ata que atopei a Emma.

Un día cheguei á nosa casa e atopeino cuberto de sangue. Estaba ferido. Supliqueille, mentres o curaba, que me contase o que ocorrera. Desesperada, rogueille que non me volvera a mentir.

—Como queres que sexa sincero contigo se ti es a primeira que non o é, Tori? —soltoume con voz calmada—. Pensas que me creo as túas historias? Cada vez que te marchas son peores as túas escusas, e pensas que eu che vou dicir a verdade? Toleaches.

Aquelas palabras foron moi dolorosas para min. Naquel momento pensaba ter atopado en el a estabilidade e a confianza que nunca podes obter coa vida de Garda.

—Kiba iso é... diferente. Nunca che mentín, pero hai cousas que non podo contarche, xa o sabes... —sentín as bágoas acumularse tras os meus ollos e traguei saliva con forza

—O teu caso sempre é diferente, como non? —respondeu. Apartoume sen brusquidade e rematou de poñerse a vendaxe na que eu traballaba—. Déixame en paz. Non che pido que me contes nada, pero polo menos non sexas hipócrita.

Quedeime sentada en silencio. Vino irse cara o cuarto que compartiamos. Pechou a porta. Non era a primeira vez que tiñamos esa discusión, pero por algún motivo, ao velo ferido o meu corazón estaba máis sensible. Tomei unha decisión estúpida.

Erguinme e seguino ata a habitación.

—Kiba... —chamei con timidez, sen atreverme a abrir a porta.

—Que queres?

Entrei.

—Kiba... Creo que tes razón —non a tiña—, non fun xusta e quero contarche toda a verdade... Pero vas ter que prometerme que me vas crer.

E iso foi o que fixen. Coma unha mocosa tonta e namorada, conteille todo aquilo que el non podía saber. Todo o que non estaba preparado para saber. Como podes imaxinar, non resultou ben, non me creu, berroume e riuse de min. Aquela noite desapareceu do apartamento e tardou semanas en volver.

Para un humano é difícil atopar certa información, coma a existencia dunha orde secreta que loita contra os espectros que ameazan o equilibro do mundo terreal, pero Kiba non era un humano normal. Vivira sempre nos fondos máis baixos, coñecendo á peor xente, pero tamén á máis informada. Coma quen non quere a cousa, foi preguntando sobre organizacións ocultas e, despois dun tempo, chegou á conclusión de que podía estar dicindo á verdade. Entón, e so entón, volveu. Por suposto, non me dixo que estivera investigando, finxiu que era un gran acto de fe polo que, por suposto, eu debía compensalo. Por suposto, non serviu para que comezara a dicirme a verdade, escudábase no tempo no que eu lle ocultara a existencia nas Gardas. E se non fora iso, sería outra cousa, el é incapaz de ser sincero, non pode abrirse a outra persoa.

Co tempo, funme confiando e comezou a facerme preguntas que me comprometían. Avergónzame recoñecer que, aínda que sabía que estaba traizoando ás miñas compañeiras, cheguei a contarlle todo canto quixo saber. Por suposto, había cousas que simplificaba e que tivo que aprender máis tarde pola súa conta. Estivemos tres anos xuntos, despois desapareceu. A seguinte vez que o vin foi no meu primeiro concilio no que case perdo a vida. Pero xa chegaremos alí, a miña historia con Kiba é bastante longa, esta só é a primeira parte.

Comentarios