A liberación de Annia

Cóntoche isto agora para que non che dea tempo a olvidarte de Annia, pero pasou moito tempo antes de que fora a rescatala. Foron cento vinte anos. Emma acababa de morrer, dándome o nome de Ave Branca.

Xa che falei do Inferno, alí van os espíritos que foron selados. É unha cárcere, alí están retidos. Non poden interaccionar con ninguén: morto ou vivo. Están baixo o máis absoluto control. Aplícanselles constantes conxuros de calma, trátanse as súas emocións, pero non deixa de ser unha cárcere. Non é un lugar agradable, non era o lugar que merecía Annia.

So a Garda que o selou pode quitar a un espírito do Inferno, se morre, son os Ancestros quen se ocupan. Moitos deles levan alí moitos séculos, cando chegas podes sentir a súa tristeza, a súa sensación de abandono...

O Inferno non é un edificio, non ten paredes nin chan ou teito. Non é sequera un lugar determinado, é unha especie de multidimensión, se queres entendelo así, onde repousan os espíritos, pero so nós podemos movernos libremente por alí. Imos de sala en sala coma se saltásemos entre mundos. Non fun directamente a ver a Annia, primeiro tiña que falar coas Gardas que se ocupan dese lugar. Normalmente non me caen ben. Todas as carceleiras do inferno son da mesma escola: a avespa. Adéstranse específicamente para traballar alí. Adoitan ser máis poderosas que o resto, polo que ás veces resultan algo insufribles.

—Ola, Raia —saudei, a aquel o coñecía bastante ben, non era do mellor que te podías atopar do Inferno. Aínda que iso non é dicir moito.

Era un tipo delgado, de aspecto canso, coa pel e os ollos oscuros e nada de pelo na cabeza. Non era un tipo simpático, pero tampouco era demasiado altivo.

—Tori... —respondeume. Adicoume un medio sorriso algo socarrón e engadiu:— ves quitarme un dos meus?

Suspirei. As Avespas tenden a considerarse máis fortes en función da cantidade de espíritos que teñen ao seu cargo, por iso non podemos fiarnos de que sexan elas quen os liberan.

—Si, pero é un pequeno. Unha nena chamada Annia —expliqueille.

—A min non me fales de nomes, Tori, dame o que me tes que dar —contestou con desdén.

Achegueime a el e xuntamos as mans. Transmitinlle a enerxía de Annia. Sempre que selamos a algún pantasma nos quedamos con algo deles, é coma se intercambiaras un recibo por algo que deixaches emprestado. Nunca me agradou o método, pero teño que recoñecer que é eficaz.

—Vale, podes seguirme —dixo, ao cabo duns segundos.

Realmente, podía ir de sala en sala buscando á pantasma e liberala no momento que quixera, pero é máis educado facelo así. Raia deixoume ante o meu ente e foise.

—Ola, Annia —saudeina, pero sabía que non me podía oir aínda, estaba adormilada.

O lugar no que nos atopabamos tiña o aspecto dun prado. O garda debía saber que esa imaxe calmaba á rapaza. Manteñen ás súas presas anestesiadas á vez que anulan o seu poder, nin sequera poden tomar forma algunha. Serían invisibles para calquera, pero non para min, sabía o que tiña que buscar.

Desfixen o conxuro de sono da pequena para poder falar con ela.

—Annia? Podes oírme? O meu nome é Tori —repetín.

Sentín que me oía. Foise espertando, agardei con paciencia mentres construía a súa forma infantil.

—Annia, o meu nome é Tori, lémbrasme?

Asentiu. Naquel lugar non podía sentir medo, ira ou odio.

—Que fas aquí? —preguntou.

—Veño a acompañarte a un lugar mellor, pero antes temos que falar dalgunhas cousas, de acordo? —Asentiu outra vez. Emulou que se sentaba na herba e eu fixen o propio—. Onde estamos? —quixen saber.

—No xardín da miña casa —explicoume, sorrindo.

Mirei ao meu redor, non era o lugar que eu lembraba, pero era normal, cando cheguei alí era un páramo sen vexetación. Seguramente por culpa do espírito do monxe, esa clase de entes absorven a vida ao seu redor.

—É moi bonito... Annia, dime de que me coñeces —pedinlle, con algo de mágoa.

Miroume con tristeza.

—Daquela noite... Fóronse Milo e mamá. Onde está papá? —preguntoume.

Observei os seus profundos ollos azuis. Ela seguia querendo ao seu pai, a pesar do que lles fixera a ela e á súa familia. Nin sequera sabía que cando rematara con ela estaba sendo posuído polo monxe e eu tampouco llo dixen. Quizais debín, pero non me arrepinto.

—Annia, nada do que ocorreu a noite da festa foi culpa túa, nin do teu irmán. O teu pai non se portou como debía, el tiña que coidar de vos e non o fixo —comecei, pero ela rexeitaba as miñas palabras movendo a cabeza dun lado a outro.

Nunca poderei entender a súa dor, porque fai tantos anos que os meus pais morreron, que non lembro como era telos. Nunca me traizoou ninguén a quen amara, incluso cando o fixo Kiba xa non me importaba. Aperteina con cariño e seguín un anaco intentando convencela de que o seu pai non era perfecto, pero ao ver que so lle causaba dor, deixeina ir.

Volvín a xunto de Raia, estaba sentado nunha mesa, algo amolado.

—Hai outro espírito... —indiqueille, e tranferinlle a enerxía do monxe.

O xesto do garda ensombreceuse e negou coa cabeza.

—Ese... ese non está preparado.

Asentín e funme. Aínda non volvín a por el, pero Annia está coa súa familia, por fin.

Comentarios