Primeiros anos

Creo que levo un par de páxinas explicando cousas sen control. Volvamos a historia, queres?

Deixámolo cando saín da casa dos meus pais. Comecei a vivir con Eco e Terra e elas me entrenaban. Formaban un equipo que trascendía a todas as escolas, a toda causa, e, aínda que non era a súa primeira aprendiz, si fun a primeira a que consideraron parte da súa familia, pero xa volvo a adiantarme, vouche falar dos meus primeiros anos de formación.

Tes que saber que unha Garda tarda moito tempo en ser apta, normalmente un par de séculos de entrenamento. Temos que saber moitas cousas, temos que entrenar o noso corpo e a nosa mente para nunca, xamais, perder a paciencia. O peor que pode facer unha Garda é deixarse levar polas súas vellas emocións humanas, aínda que ás veces si pasa... Xa che falei do meu primeiro entrenamento: sentir. É complexo, pero o primeiro que debemos saber é a que nos enfrentamos. Os espíritos poden tomar moitas formas e poucas veces evidencian que non son seres terrenais e, cando o fan, soe ser un problema, pero diso xa falaremos. En moitas ocasións nin sequera toman forma, polo que non podes velos nin oílos, por iso tes que aprender a sentir. Tes que saber que está vivo e que non, é unha simplificación bastante burda, pero xa che dixen que o noso entrenamento leva moitos anos, así que non podo explicarcho todo.

Unha vez aprendin a sentir a morte, xa podía avanzar un pouco. Non é que deixara de dar clases con Eco, pero estaba preparada para aprender a ler. Verás, as formas de escritura humanas son perecedeiras, nos precisamos algo máis permanente, non podemos permitirnos ler mal un conxuro de selado porque a tinta se borrou co tempo. Así que non escribimos en papel, nin con tinta, escribimos nas estrelas. É bastante parecido a intentar orientarte segundo a súa posición, pero nós vemos moitas máis cousas. A súa disposición, tamaño, a cantidade de luz que emiten, nada é casual. Esa foi a miña segunda lección. Terra era unha lectora excelente, podía ler todos os conxuros ocultos, en serio, todos. Sei que non podes saber o impresionante que é iso, pero vas ter que crerme unha vez máis, é incríble. De feito, Eco chegou a contarme que formou parte da escritura de algúns deles, pero non mo acabei de crer.

Cando souben ler déronme algunhas trazas sobre como escribir, todo teórico, claro, pero parecíalles importante. Creo que vían en mín moito potencial e, non é por presumir, pero unha vez cheguei a facelo. Sei que vas pensar o digo por darme importancia, non espero que me creas.

Por aquel entón xa podía sentilo todo, a vida, a morte, o crecemento, o deterioro... Estaba avanzando bastante rápido, pero quería máis e non paraba de pedir novas leccións. A mocidade é tan impulsiva... Entenderon que era o momento adecuado para ensinarme a controlar as emocións. Esta soe ser a materia pendente de moitas Gardas, e tamén é a miña, recoñézoo. O único que teñen que sentir as Gardas da escola da Loba é ira, as da salamántiga aliméntanse do medo, polo que se centraron en que canalizara ambas emocións. No momento non entendín o afortunada que era de ter esas dúas portas abertas. O que mellor se me daba era sentir ira, había tantas cousas nas que inspirarme: as desigualdades, a dor, as inxustizas de tantos tipos... Era moi sinxelo. Co medo tiña máis problemas, pois sempre fun algo imprudente e, no fondo, confiaba en que todo saíra ben. Como podes ver, os meus pasos parecían marcados de antemán...

Despois diso comecei a aprender conxuros, os primeiros adicados a calmar almas de grao inferior. Non todas as Gardas poden ocuparse dos entes máis poderosos, é cousa dunhas poucas especializadas, non depende moito da habilidade, máis ben do esforzo. Xa che dixen que a formación soe durar un par de siglos, a miña durou case mil anos. Durante todo ese tempo aprendín canto puiden das miñas mestras, ata que chegou o momento de deixarme marchar. A primeira foi Eco, decidiu que o resto da miña aprendizaxe tiña que basearse nas miñas propias experiencias vitais, polo que Terra e máis eu saímos de viaxe en busca de espíritos que calmar e selar. Fixemos algunhas tarefas notables, pero sempre con disimulo. Lembra que os humanos non debedes saber que ocorre ás vosas costas. Algunhas Gardas alardean entre as compañeiras, pero Terra non era así. Era moi poderosa, máis incluso que a súa avoa, pero non quería facerse notar. Nunca lle preguntei por que, pero, agora que o tempo me deu experiencia, creo que foi intelixente. Canto máis coñecida es, máis probable é que te fagas inimigos e, aínda que non debes sabelo, unha garda é moi vulnerable mentre usa os conxuros de calma. Non sei se esa era a razón de Terra, pero desde que perdín a perna por culpa de Kiba, é a miña. Detesto a Kiba.

Chegou un punto no que Terra decidiu que estaba preparada para continuar soa. Antes de deixarme ir, deume a última lección: viaxar polo mundo espiritual. Isto é algo que non todas as Gardas saben facer e, a verdade, levou bastantes anos. Podes entender que é moi perigoso, alí non hai estrelas que che confíen os conxuros, teñen que partir da túa mente. Ademais, os espíritos teñen moito máis poder, pero tamén soen estar de mellor humor. Unha vez que considerou que podía apañarme no mundo espiritual, volveu a casa. Sempre considerarei ese lugar coma o meu fogar, aínda que fai moito que deixou de selo, xa chegaremos...

Comentarios