Tori a Ladrona de Almas (II)

A primeira norma, se es unha boa Garda, é non interaccionar cos seres do teu redor se non estás segura de como van a reaccionar. Debes deterte e agardar ata poder dar un paso prudente. Eran varios os que tiña ao meu redor: o home sen emocións, a nena con tanto odio, unha muller que me miraba con tristeza e un adolescente. Este último era complicado, ás veces as emocións se xuntan e son difíciles de distinguir, había tantas cousas no seu interior que supuxen que estaría abrumado. Dirixinme a el primeiro.

—Boas noites —saudeino.

Era un mozo moreno, con expresión absorta, era baixo e gordo. Cando me mirou, pareceu atravesarme. Non parecía ter interese en nada do que ocorría alí. Non puiden evitar sentir mágoa. Igual que o ancián, ese rapaz estaba atrapado alí.

Dirixinlles a todos unha mirada rápida, sen fixarme demasiado, pero buscando algo que xa imaxinaba: debían ser familia. As mulleres eran loiras, os homes morenos, todos de pel branca. Mostraban roupas elegantes, anticuadas para a época, pero con bo aspecto. Elas levaban vestidos longos, de aspecto medieval e cun tocado a xogo, a nena vestía de branco. O traxe do home era escuro, cunha camisa de pescozo alto e aquelas ridículas calzas tan pomposas que se levaban a finais do século XIV, portaba unha espada a un lado da perna e a agarraba dándose importancia. O rapaz era distinto, só levaba unha camisa solta e uns calzóns longos. Fixeime máis en el: o seu pescozo mostraba unha abrasión, aforcaríase?

—Cal é o teu nome?

Volvín a dirixirme ao mozo. Esta vez pareceu reparar na miña presencia. Miroume con culpabilidade, pero non respondeu. Concentreime en el e apliquei todo o meu poder para poder ver algúns dos seus recordos e pensamentos. Os meus beizos curváronse nunha mueca sen que puidera facer nada para evitalo. Aquel espírito rememoraba unha e outra vez a súa propia morte. Grazas a el puiden comprender que as abrasións que tiña no pescozo foran provocadas polo cordón dunha cortiña ao seu redor. Quen apretaba era o seu pai. El acabara con todos.

—Quero axudar á muller que me acompañaba, onde está? —pregunteille, aínda que non esperaba que me respondese.

Escoitei á mocosa rir.

—Non cho vai dicir, el xa non pode falar —replicou con satisfacción.

—Non pasa nada.

Senteime no chan e fíxenlle un xesto ao rapaz para que se colocase frente a min. Obedeceume. Respirei con calma desde a miña zoa segura e adiqueime a acumular a rabia. Pensei nese mozo, que non podía evitar sentir a cada momento como o seu pai o asasinaba. Pensei naquel home, quen de facer dano a súa familia e de desfrutar no camiño. E en Annia, que tiña tanto odio dentro porque era demasiado nova para entender o que lle ocorrera. Antes de lanzar o conxuro, pensei en Moira e en se estaría sufrindo.

Erguinme e camiñei cara el, indicándolle que fixera o mesmo, ata que nos atopamos ante a barreira de sal e lume. Canalicei a miña enerxía por medio dunha caricia. Collinlle a man un instante, expoñéndome, pero non me importaba. Calmei o torrente de emocións que o embargaba: o medo ao seu pai, a culpa por ter causado aquela situación, por non ter protexido ás vítimas do home, a tristeza pola súa vida acabada, o odio...  «Descansa...». O efecto da miña enerxía non duraría para sempre, pero no outro lado tería a paz necesaria para superar a súa dor.

—Se atopas o camiño, podes irte —expliqueille. Non todos saben chegar ao mundo espiritual.

Foise. Eu retrocedín cara a miña zoa segura e volvinme cara o resto de espectros. Levarían algo menos de tres séculos mortos e eran fortes, pero estaban perplexos. Incluso o home sen emocións.

—Que foi iso? —quixo saber a nena, con curiosidade.

—Axudeino a descansar, agora está no lugar que lle corresponde. O que vos corresponde a todos.

Despois de dicir iso, desparecín da súa vista. Levaba suficiente tempo na casa como para moverme por ela: podía aparecer e desaparecer en calquera lugar. Fun xunto ao vello. Sabía que o resto dos entes se moverían pronto e tiña certa idea de como enfrentarme a eles.

—Onde está Moira? —preguntei inmediatamente—. Axúdame e devolvereiche o favor, avoiño, prométocho.

Miroume con tristeza.

—Creo que xa é tarde para ela... Se non podes sentila é porque está atrapada. Para sempre... Síntoo, Garda, isto é demasiado para ti.

—Non me subestimes, vello.

Dinme a volta e concentreime. Localicei facilmente á nai é a Annia, separáranse para buscar, pero onde estaba o pai?

—Ti podes atopar ao home? —pregunteille. As pantasmas son máis sensibles ca nós a outros espíritos.

—Si...

—Onde está? —quixen saber, apremiante. O tempo corría na miña contra, por primeira vez en moitos anos.

Non respondeu.

—Cal é o problema, vello?! Axúdame! —volvinme cara el, frustrada.

A súa expresión era de magoa. Coma a de quen non pode explicarlle a un neno o que é a morte. Enfureceume, pero puiden controlarme e aproveitei para acumular poder.

—Vou liberar á nai e á nena, de acordo? Elas poderán irse tranquilamente e durmir no Outro Lado. Podes axudarme co outro home? Non podo sentilo, pero ti si. Se aparece tereino difícil, farás iso por min? —pedinlle, facendo un grande esforzo por non berrar.

Asentiu.

—Intentarei distraelo se vai a por ti, pero non podo prometer conseguilo. Non podo detelo.

Era suficiente para min. Dinlle as grazas e busquei á muller de novo. Agardei ata que estivera suficientemente separada de Annia e volvinme ao vello en ton interrogativo. Asentiu e desaparecín.

Despleguei todo o meu poder durante o meu traslado. Entrei no corazón daquela muller e souben que o seu nome fora Alba e que non amaba ao seu marido desde moito antes de morrer. Souben que estaba triste polo que lles fixera aos seus fillos, pero que tiña demasiado medo para enfrentarse a el. Souben do trato cruel ao que fora sometida durante anos e da súa culpabilidade.

Había unha festa na mansión, eran os anfitrións máis esforzados. Alba xa non lembraba o motivo da celebración, pero sabía que era improtante para o seu marido e que todo tiña que sair perfecto. Se non, pagararía as consecuencias. Mandou preparar moita comida, os nenos corrían no xardín, Annia entre eles. Estaba tan feliz cando podía xogar... A muller non podía evitar sorrir ao vela. Todo marchaba ben ata que apareceu o seu fillo. Estaba moi borracho e ía medio espido. Montou un espectáculo que causou moitas risas entre os seus amigos. Alba actuou rápido, mandando a un criado levarse ao mozo de alí, pero non o suficiente.

Cando rematou a festa, o seu home dirixiuse a ela e golpeouna tan forte que caeu ao chan. Os criados dispersáronse en segundos. Non podía culpalos, calquera que estivese ao seu redor, sería o seguinte. Annia apareceu chorando e pediulle que non ferise a súa nai. Sempre fora a preferida do home, pero naquel momento estaba fora de si, colleuna polo pescozo e asfixiouna lentamente.

Alba berrou. O tempo parouse para ela mentres collía o cadáver da súa filla. Pero o seus brazos xa non podían asir nada. Tardou tempo en entender que morrera dun golpe na cabeza cando caeu. O seguinte foi Milo, o rapaz. E despois todos os criados que puido antes de que o reduciran e acabaran con el.

Os restos dos cadáveres de Alba e Annia seguían na cociña, en forma de pó. Piseinos sen moito remordemento e dirixinme a ela. Estaba apoiada nunha pila de pedra. Volveuse, choraba

—Cres que eu tamén poderei ir co meu fillo? —preguntoume con ton entrecortado. Puiden notar a ansiedade na súa voz—. Non fun boa esposa, nin boa nai. Cres que poderán perdoarme e darme descanso?

Achegueime e puiden ver que a palidez da súa pel non era real. Sorrin, as pantasmas soen mostrarse como quererían ter sido en vida, pero ela mostraba incluso a maquillaxe que tapaba as súas imperfeccións.

—Non teñas medo, Alba, ninguén che xulgará no Outro Lado. Poderás reunirte con Milo. Ademais, non creo que fixeras nada malo. Todos temos medo ás veces e iso nos paraliza —consoleina—. O único culpable é o home co que che fixeron casar. Ti pagaches en vida por todos os males que puideras cometer.

Con ela non foi necesario sequera un conxuro. Penso que o que realmente calmou o seu espírito foi ver cruzar a Milo, pensar que había outra saída para eles. Vina desaparecer, pero antes de irse totalmente díxome:

—Non te fíes do ancián que garda esta casa —foi un murmullo lonxano, case coma unha brisa que desaparece.

Comentarios