A miña historia con Kiba (II)

Era un día de sol, estaba na montaña e ao meu redor había neve. Se me asomaba pola fiestra a luz me deslumbraba. Pasara a noite nunha cabaña abandoada. Non contaba con que me pillara unha tormenta e tiven que refuxiarme alí. Por sorte, levaba un bo chisqueiro e puiden queimar os mobles, pero aínda sí pasei moito frío. Estaba a piques de sair para continuar o meu camiño cando alguén chamou á porta. Tardei un instante en abrir, pero pensei que tería que ser alguén nunha situación parecida á miña. Ao outro lado había un corvo, negro coma a morte.

—Convócase a Tori, cos títulos de Rouba Almas, Torturadora e Ave Branca, da escola da Loba, discípula de Eco, a Morta, e Terra, a Escritora, a un concilio. Será xulgada polos seus crimes este mesmo atardecer —graznou—. En caso de non presentarse ou non chegar a tempo, será declarada culpable por dereito e aplicarase a pena capital.


Antes de que puidera responder, desapareceu no horizonte. Quedeime alí, conxelada polo frío e a impresión, durante varios minutos. Despois volvín entrar e agardei a que o lume se extinguise completamente. So me saltara as normas unha vez, facía por aquel entón un par de séculos, pero non podían sabelo.


Dinlle moitas voltas durante o camiño, sen dúbida era un malentendido, tras a morte de Moira e os meus conflictos coa escola da Serpe xa falara con Consello e quedara todo aclarado. Se alguén dera un falso testimonio sobre min, saberíano de seguido, podía estar tranquila, repetíame, todo ía ir ben.


Cheguei á cidade pouco despois do mediodía. Era apenas unha sombra do que fora, estaba case baleira. Camiñei polas rúas sen atoparme a ninguén, alá onde mirara había casas tapidas e negocios quebrados. Alí coñecera a Kiba, tantos anos atrás. Unha punzada sacudiu a miña mente, pero era imposible que elas o souberan. Era imposible.


Seguro que entendes que estaba segura de que estaba morto, non podía sequera imaxinar que puidera terse convertido nun Garda, pero ahí estaba cando dobrei a esquina. Vestía uns pantalóns negros de coiro e unha especie de camisa branca, cun chaleco tamén negro. Ás costas levaba unha espada longa. Se non estivera dominada pola impresión, teríame burlado de él. Estaba apoiado nunha parede, seguramente agardándome, apenas parecía ter pasado unha semana polo seu rostro, o xusto para deixarse unha ridícula barba.


—Así que foi por isto polo que nunca volviches a casa —díxenlle. As miñas emocións eran tan contradictorias que non fun quen de expresar ningunha, nin sequera a ira.

—Insinuas que me estiveches agardando? —respondeu, sorrinte e sardónico.


—Non. Non me molestaría en agardar a un humano —repliquei con desdén.


Pasei ante el camiñando, coma se non puidera velo máis. Estaba preocupada: realmente sabían cal era o meu crime. Desvelara case todos os segredos das Gardas, e iso era moi grave. Como o xustificaría? A miña vida pendía dun fío.


Seguín ata chegar a un edificio de aspecto decrépito. Foi sempre así, os balcóns sobresaían da fachada, pero parecían a punto de caer. O interior era moi diferente, non era luxoso, tan só había un escritorio no que se sentaba o recepcionista, pero estaba en bo estado. O chan de baldosas escuras estaba recén pulido e esbaraba un pouco, camiñei con prudencia. Ao meu redor, as paredes eran de pedra e estaban completamente baleiras. Non había nada que roubar, nada que puidera ser de interese. Non era un lugar no que distraerse. Achegeuime ao único home que había alí, que xa me observaba con expresión aburrida.


—Boas tardes — saudei.


Suspirou profundamente, coma se eu fose exhasperante.


—. Pois non terás de que preocuparte. Volve ao atardecer.


E sen máis miramentos, vinme fora do edificio. Se miraba á dereita, podería ver a Kiba ao final da rúa con expresión de satisfacción. Dirixinme cara o outro lado e sentei nun banco. Sabía que me traizoara, pero non por que. Como podía ter tan mala sorte? A única vez que me saltara as normas de silencio e o humano se convertía en Garda. Era case imposible e tíñame que pasar a min.


A xenreira que lle gardo a Kiba comezou nese momento. Ata entón era un humano máis e, si, era un mentireiro e tiveramos unha relación tóxica e absurda, pero non lle gardara xenreira. Non lle mentín cando lle dixen quen non o agardara, pronto comprendín que non volvería, para min era lei de vida, non era a primeira persoa que perdía. Entristecinme un tempo, pero á vez foi un alivio. Tirei case todas as súas cousas e non mirei atrás.


Pero si conservei algo. Xa che dixen que, co tempo, aprendín a ver a través das súas mentiras. Coñecín, incluso, ao verdadeiro Kiba. Tivera un pasado difícil e traumático, por iso aprendeu a pecharse a todos. Iso non xustifica en quen se convertiu, pero axuda a comprender por que elixiu ese camiño. Foi pobre a metade da súa vida, meteuse en moitos líos e, sen darse conta, atopouse cunha débeda que so puido resolver traballando para un mal home. O seu traballo era matar e resultou que se lle daba moi ben. Co tempo, fíxose un nome e tivo que ir cambiando de identidade para esquivar á policia. Cando eu o coñecín non sabía nin quen era, pero eu si. Era un rapaz triste e asustado, que finxía ser un home forte. Era incapaz de baixar a garda, porque se alguén o coñecía, vería o seu medo e toda a súa fachada se faría pedazos. Tería que empezar a pensar nas cousas terribles que fixera e non podería soportalo. Pero non te enganes, nunca foi un bo home, puido elixir o que estaba ben e non o fixo.


Creo que non amei realmente a Kiba. Amei a quen puido ter sido, se o seu camiño tivera sido diferente. Ás veces as Gardas temos unha visión tan ampla da realidade que nos resulta difícil limitarnos ao que temos diante.


Reflexionei moito sobre el durante as horas que precederon ao meu concilio. Non sabía quen sería a esas alturas da súa vida. Os Gardas novos cambian moito desde a súa etapa humana. Seguramente non era a persoa que eu coñecía, pero había algo no que sabía que non cambiara: non facía as cousas por simple crueldade. A disfrutaba, si, pero non era un motivo suficiente. Non me agardou na esquina para poñerme nerviosa, senón para que soubera que me agardaba. E non me acusara por facerme mal, senón porque el ía sacar un beneficio da miña caída.


Achegouse a min antes de que se puxera o sol.


—Queres que entremos xuntos? —preguntoume con sorna—. Xa saben que nos levamos ben —chiscoume un ollo e sentín o impulso de clavarlle un coitelo para asegurarme de que nunca o volvería a abrir.


Erguinme e empurreino para apartalo do meu camiño, tropezou e chocou contra a parede. Pasei de longo, pero escoitei a súa risa detrás de min. Odieino con tódalas miñas forzas. Entrei de novo na recepción e mantíveme de pe e apartada, sen mirar sequera ao home da recepción. Kiba entrou detrás de min, camiñou coma se o lugar fora seu, achegouse á mesa e saudouno.


—Boas tardes, mentres aínda o son —dixo—. Alégrame verte de novo, Garra. Sempre me gusta atoparme cos meus compañeiros de escola.


Podo xurar que naquel momento se volveu cara min cun sorriso enorme no rostro. E estou certa de que o secretario tiña o mesmo xesto. Negueime a devolverlles a mirada, ignoreinos con toda a dignidade que puiden reunir.


No momento exacto no que o sol desapareceu do ceo, o lugar cambiou. As paredes pareceron desmaterializarse. Xa non estabamos no mundo humano. Se hai un segredo que sempre gardei, incluso a Kiba, é a orixe das Gardas e non podo crer que cho vaia contar a ti. Os primeiros seres que vos protexeron dos espíritos, foron eles mesmos. Por iso son quen nos elixen entre os humanos, quen deten o noso corazón para sempre entre dous latidos, selando o noso tempo. E eles eran os que me ían xulgar.

Comentarios