A miña historia con Kiba (III)

Non sei se serei quen de describirche o mundo espiritual. Alí, realmente, non hai nada, pero as pantasmas poden reflectir os seus recordos no entorno para facelo máis amigable, ou menos, coma no meu caso. Proxectaron ante nós unha cadea. As paredes eran de ladrillo e o chan de cemento. Eu atopeime sentada nunha cadeira eléctrica. Non o era de verdade e eu o sabía, pero teño que recoñecer que axudou a facerme sentir intimidada. O secretario seguía sentado ante a mesma mesa, con Kiba ao seu carón. Apareceu unha anciá ante min, non sorria, Terra non adoitaba sorrir, pero aínda así foi reconfortante. Eco estaba detrás, cunha graciosa expresión de mal humor que me atemorizou máis aínda que o ambiente.

—Mestras —saudei, baixando a cabeza de forma respectuosa.

—Tori, estou decepcionada —rifoume Eco, cunha mirada triste—. Pensaba que sempre che deixaramos claro o importante que era cumplir as normas.

—Tori, estou moi enfadada —rifoume Terra—. Foche estúpida.

En ambos casos lles din a razón. Deixeime levar por sentimentos equivocados, por manipulacións e polo intento de atopar algo que unha Garda non pode ter: unha familia. 

—Síntoo, mestras. Equivoqueime —desculpeime con humildade. Realmente me sentía moi pouca cousa.

—Equivocácheste —asentíu unha voz detrás de min. Non puiden volverme a mirar, pois estaba atada á cadeira, pero imaxineina coma unha muller.

Non todos os espíritos que iniciaron a nosa orde son humanos. De feito, non creo que che custe imaxinar que todas as escolas que existen teñen un fundador. E é, por suposto, o espírito do animal que lle da nome. Non todos os animais están representados entre as Gardas, pero sempre me pareceu fermoso que haxa tantos que queiran protexer aos humanos. Espero ter tempo para contarche a historia da Loba.

Non cheguei a ver ao espírito que falaba detrás de min, pero era ela: Roma, a nosa fundadora. Tampouco puiden contestarlle, pois nese intre unha venda presionou a miña boca, impedíndome falar. Ante min apareceu unha tigresa. Era un espírito tan puro que chorei. Observoume un instante, deume as costas e camiñou con cara o fondo da sala. Parouse ante Kiba. El tamén choraba. 

—Equivocácheste? —preguntou ela.

Ninguén respondeu. Terra e Eco situáronse a ambos lados da miña cadeira. Fixeime por primeira vez en que había unha nova visitante na sala. Era unha muller moi alta, coa espalda ancha e forte. Tiña o cabelo escuro e a pel moi branca, perlada de pecas. Pareceume fermosa e tiña un andar tan elegante que non puiden evitar observala. Admirada, embelesada. Miroume con desdén, pero nin iso rompeu o feitizo.

O último espírito en materializarse foi o dun humano. Era un home alto, moi alto. E delgado, moi delgado. Parecía moi vello, tiña o pelo branco, corto, coidado, e unha barba longa. Sentin moita paz emanando de el.

—Precisamente iso é o que imos derimir, Tori, da escola da Loba —díxome. E a súa voz era profunda e eterna.

Non puiden evitar preguntarme canto faría que vivira, como podía ser que un espírito me parecera tan vello, a mín, que tiña máis de 1200 anos. Pareceu escoitar os meus pensamentos e sorriu. Era un sorriso cálido, reconfortante. As bágoas esbaraban polas miñas fazulas sen que as puidera conter. Gustaríame poder describircha os sentimentos de felicidade que emanan os Ancestros, pero sería imposible. Xa che dixen que habería cousas que non podería explicar, hai que vivilas.

—Estamos aquí presentes algúns dos Espíritos Primeiros, Tori, da escola da Loba, para decidir se o que fixeches foi un erro ou non o foi —continuou tras unha pausa. O seu ton volveuse formal e o medo e as inseguridades tomaron o meu corpo de novo —. Sabemos que foi unha traizón —miroume con dureza e tremín—, pero o que imos xulgar e se a balanza das túas obras se inclina cara o ben ou cara o mal. Podemos perdoarte?

»—Presentamos asistencia: Lume, o Ancestro, que son eu mesmo. Roma, fundadora da escola da Loba. Sorpresa, fundadora da escola da Tigresa. Garra, da escola da Tigresa, co título de Secretario da Garda. A testemuña será Kiba, recén licenciado na escola da Tigresa, respaldado pola súa mestra: Serena, da escola da Tigresa, co título de Esquiva. Na parte da defensa estarán Eco, da escola da Loba, co título de Morta e Terra, da escola da Salamántiga, co título de Escritora —houbo algo de reverencia no ton do home cando mencionou a Terra—. Por último, preséntase á acusada: Tori, da escola da Loba, cos títlulos de Ladrona de Almas, Torturadora e Ave Branca.

Fíxose o silencio. Direiche que ter un título é bastante impresionante, pero non hai moita xente que teña tres.

—Considero, Señor —falou a Tigresa—, que a pequena Loba non cometeu erro ningún, pois se non lle tivese contado a Kiba toda a verdade, non se tería convertido en Garda e o seu potencial é moi alto.

—Discrepo —falou a Loba—. As trampas do pequeno Tigre non son benvidas entre nós. Un Garda é un ser elixido polo destino e el forzou a realidade. Tori cometeu un erro, pero debemos perdoala, pois desde entón fixo moito ben. Non podemos esquecer como se converteu en Ave Branca.

Silencio. Eu seguia atada e non podía falar. Quería preguntar que trampas levaran a Kiba a converterse en Garda, mireino. Non me sorriu, pero nos seus ollos vin unha mensaxe de calma. Todo sairá ben, dicía, todo sairá ben para os dous.

—Consideramos que foi un erro afortunado —interveu Serena—, pero un erro ao fin e ao cabo. E non é o primeiro. Deberiamos poñer todo en conxunto para determinar se, realmente, a Ladrona de Almas é un ben para a Orde.







—Señor —era Terra quen falaba, pero non puiden volverme a mirala—, Tori leva cometidos moitos erros que xa lle foron perdoados. Non é xusto xulgala dúas veces, considerouse no momento que a súa obra fora para ben. Non deben ser tidos en conta outros erros.

—Estou de acordo, criatura —dixo o Ancestro, sorrindo a Terra coma se puidera ver, baixo o seu aspecto, á nena que nunca deixaría de ser—. O primeiro que hoxe debemos decidir é se o pequeno Tigre pode ser un de nós, pois, como dixo a Loba, fixo trampa cando invocou a un dos Primeiros. Despois veremos que accións pesan máis na historia da pequena Loba, pero non teremos en conta aquelas que xa foron perdoadas.

Serena bufou, ela quería acabar comigo por ser da súa escola inimiga. Non podía xulgala moi duramente, estaba segura de que Eco faría o posible para salvarme, pero quitando a Kiba do medio. Mireino, seguía tranquilo. Estaba seguro de que todo sairía ben, de donde saía tanta confianza?

—Non é a Kiba a quen xulgamos hoxe —replicou a súa mestra—. Puido equivocarse na forma de interceder co destino, pero acaso podemos acusar a alguén por ter ambición? Por querer ser forte e protexer o seu mundo?

—Serena, non frivolices as accións do teu alumno —regañouna unha voz con moita dureza. Era Sorpresa, o seu ton soaba coma a morte—. O que está mal, está mal —camiñou ao redor de Kiba, observándoo, cheirándoo, xulgándoo—. O pequeno Tigre obrou mal, pero é o meu fillo e sei que pode redimirse.

Fíxose o silencio. Lume, o Ancestro, volveuse cara a Loba, esperando a súa intervención. Ela sentouse ante min e miroume en silencio. Os seus ollos eran brillantes coma espellos e neles vinme reflexada. Estaba entre a espada e a parede. Comprendín o plan de Kiba. De algún modo, fixera trampa para ser nomeado Garda, atopara mestre e escola, pero nunca sería aceptado realmente. A escola da Loba faría o posible por botar a un Tigre, e había motivos. Pero se Roma dicía algo na súa contra e saía culpable, terían que asasinarnos a ambos. Tiven que recoñecer que xogara moi ben as súas cartas. Sempre me preguntarei que proporción dos descabellados plans de Kiba é sorte e canto é xenialidade.

—Nada que dicir —resolveu a Loba, despois dun tempo.

As miñas mestras fixeron o propio e gardaron silencio. Non porían en risco a miña vida, mesmo se iso significaba a corrupción da orde.

—Ben —falou o Ancestro tras uns segundos de cavilacións—. Kiba, da Escola de Tigre, será un Garda. Perdoaremos este crime, pero terá que compensalo no futuro. Pequeno Tigre—engadiu, dirixíndose a el directamente. Puiden ver como se encollía—, obra ben.
»—O que resta é decidir se a traizón de Tori pode ser perdoada. Desta vez, falarei eu primeiro.
»—Fai sete séculos, sentinme chamado nun templo shintoista. Era unha época de guerra en Xapón. Vin unha moza e souben que debía tocala, souben que o seu tempo non debía rematar. Eco e Terra tomaron a súa tutela e decidín seguir os seus progresos. Chamárona Tori —miroume en silencio por un longo instante—. Estudou durante moitos anos. Non foi impaciente, non foi impulsiva. Realizou as misións co corazón presente e, pese aos seus erros, numerosos, sempre soubo volver ao camiño da luz. Pregúntome, Tori, que che levaría senón o amor a revelarlle á persoa que querías a verdade sobre o que es. Pregúntome se, na miña pasada vida, non tería feito o mesmo.

E gardou silencio. Gustaríame ter replicado con mordacidade que non fora amor, senón manipulación. Alegreime de ter unha venda na boca, pero dirixín a Kiba unha mirada moi significativa e odieino cando me devolveu un sorriso.

Todos puidemos sentir a rabia de Serena, pero non podía replicar e levar a contraria ao Ancestro. Nese intre so podía falar Sorpresa e non o fixo. Quedouse ao lado de Kiba, observándome cos seus grandes ollos, que parecían pozos de sabedoría e paz. Díxome coa súa mirada que me recompensaba, porque nunca sucumbira ao odio propio das escolas.

E o xuizo acabou. Volvín a estar libre na sala de paredes de pedra, con Kiba e Garra, a quen esquecera completamente durante o concilio. Miroume con sorna, coma se el tamén souber que as cousas ían rematar así e, antes de que puidera dicir nada, vinme fora do edificio.

—Síntoo, Tori, foi necesario —desculpouse Kiba, e case pareceu sinceiro—. Espero que non te asustaras demasiado —engadiu, porque, simplemente, non podía ser amable.

Din media volta e funme polo mesmo camiño que chegara. Deixeino atrás, pero sabía que non por moito tempo.

Comentarios