Primeira misión en solitario (II)

Entrei na casa, Mito quedouse atrás, sentada nun banco da rúa. O interior estaba frío e escuro pese a época do ano na que nos atopábamos. Lembro con claridade o choque de temperatura.

—Reus? Ola? —comecei. Non esperaba que se mostrara ante min tan pronto, non soe ser tan fácil, pero prefería aforrarlle á rapaza ter que entrar —. Oe, Reus, acabo de falar coa túa irmá e explicoume o que ocorre, sabes? Estás enfadado con ela porque che está deixando cada vez máis so, non é así?

Unha porta se pechou ao fondo do pasillo. Camiñei cara alí. Non lle teño medo aos espíritos, pero adoito ter a máxima precaución. Antes de chegar xa tiña un puñado de sal preparado.

—Reus? Fálame, quérovos axudar. Chámome Tori e son Garda, seguro que sabes quen somos, non é así? Reus? É así?

Non obtiven resposta, pero o aire se volveu máis frío. Había algo maligno no ambiente. Respirei fondo, impregnándome das emocións ao meu redor. Sentín moita ira, non era só a rabia dun neno por morrer demasiado pronto. Alí había algo máis, alguén máis. Reus non estaba só. Nese momento asusteime, podería manexalo soa? Respirei fondo unha vez máis e aspirei os sentimentos de ira, facíame máis forte a cada bocanada.

Achegueime á porta e fíxenlle un sinal a Mito. Ergueuse e comezou a camiñar ao redor da casa, soltando areiñas dun sal especial que lle entregara anteriormente. Indicáralle que dera sete voltas, esperaba que foran suficientes.

 —Reus, por favor... — chameino con dozura —. Podemos ser amigos, podemos xogan un anaco, así non te sentirás tan só. Sabes?, eu tamén estou moi soa.

Mentres falaba e camiñaba íame preparando, acumulando forza. Por entón todavía me custaba manter un ton amable mentre me armaba de ira, así que ía pouco a pouco. Seguín falando, dicindo tonterías para facelo sentir confianza. Era un neno, ao fin e ao cabo, non sería difícil de enganar. Pero como xa che dixen, non estaba só.

Deixa que faga unha pausa na miña historia para lembrarche algo: antes díxenche que a maioría de espectros se enfadan pola vosa culpa, humana. Proceden de animais ou mesmo de persoas e deciden quedarse no mundo espiritual, normalmente rondado a alguén en concreto. Esos son case todos, pero de cando en cando aparece algo peor. Un ser antigo e maligno, poderoso. Ás veces se alian coas simples pantasmas e as enganan para que fagan dano. Non sei cales son as súas motivacións, pode que os Gardas máis vellos e pode que nin eles. En moitos casos, intentan torturar e matar aos humanos. Nesta ocasión foi así. Non é unha tarefa fácil para unha Garda inexperta e, a verdade, salveime polos pelos.

Aparecéronse ante min cando se pechou a última barreira de sal. Mito fixo ben o seu traballo. Case ningun espectro pode atravesar sete barreiras. Estaba realmente enfadado. Reus mostraba o mesmo aspecto que tivo en vida. Un crío de pelo escuro, debía de ter sido un mozo bastante alegre. Ao seu carón había unha sombra. Non tiña realmente forma humana, pero nese intre pareceume que si e, por algún motivo, iso asustoume máis.

Tería morto alí, nese intre, sen pena nin gloria, pero antes de que puidera sequera respirar, sentin unha araña corretear polo meu brazo e, dalgún modo, saltar ao baleiro. Antes de tocar o chan convertérase nunha Garda. Era unha das mulleres máis fermosas que vira nunca. Nese momento tan extraño, quedeime embobada observando os seus ollos. Eran tan verdes coma os de Terra.

—Ocúpate do neno —ordeoume, pero eu estaba paralizada e non fixen nada.

Ela presentouse ante o aquel ser, sen o menor dos temores. Presentouse co seu nome, pero xa non o lembro. Sentin como canalizaba enerxía ao seu redor para formar un conxuro. Non era de calma, non era de selado. Pretendía destruílo. Incluso en casos tan graves, as normas prohiben destruír aos espectros. Pensei en intentar detela, pero case sorrín con só pensalo.

—Ocúpate do neno, novata! —berroume, volveuse a mirarme un instante e nos seus ollos verdes refulxía a vida.

Asentín lentamente, pero xa non me miraba. Non fixen nada inmediatamente, tardei varios instantes en erguerme. Estaba hipnotizada. Aquela muller canalizaba moita enerxía. Se a viras, se só a viras, non repararías en nada especial, simplemente observaba intensamente a aquela Sombra. Pero se puideras sentir o que eu sentía... Ata entón non vira nada igual.

En certo momento, sen saber por que, erguinme e camiñei ata Reus. Estaba asustado. Collino da man, pois nós podemos tocar aos espectros, e leveino ao Outro Lado. Non lle preguntei nada, non lle dixen nada, simplemente o acompañei ao Mundo Espectral. Despois souben que Mito se equivocara, nunca fora o seu irmán quen lle fixera dano, el intentaba protexela, pero estaba secuestrado por aquel outro ser. Estaba asustado. Sorriume cando o liberei e desapareceu. Non chegou a despedirse dela e, nese momento, sentín que fora un grande erro.

Cando quixen volver ao Mundo Terreal tiven que trasladarme fora da barreira. Había demasiada enerxía no interior. Mito estaba agardándome. Conteille o que sabía e ambas agardamos pola outra Garda. Sentinme coma unha nena de centos de anos e pregunteime se eran esas sensacións as que levaban a Eco e Terra a cambiar o seu aspecto.

A muller saiu bastante tempo despois. Dirixiuse a min de forma bastante altanera, pero estaba tan fascinada por ela que non me importou. Explicoume que levaba moito tempo detrás daquel ser, que quería acabar con el porque xa levaba tempo facendo moito mal, pero que non se mostraba ante ela porque xa loitaran anteriormente e coñecía o seu poder. Por iso, ocultouse entre a miña roupa para que a miña forza a ocultase.

Díxenche que fora a miña primeira misión en solitario e, en certo modo, foi así. Moitas veces estiven soa ante o perigo, pero moitas outras apareceu alguén no último momento para salvarme. Case sempre nos axudamos entre nós, case sempre. Outras veces fun eu quen axudou a outras Gardas, tamén cheguei tarde en algunhas ocasións... A vida dunha Garda pode ser dura ás veces.

Comentarios