Tori a Ladrona de Almas (I)

Teño algo importante que contarche, quizais cando acabes de ler isto te preguntes máis sobre min e atopes información contraditoria. A primeira lenda que teño que desfacer é a de como me convertín en Tori a Rouba Almas. Non sei que pensarás agora mesmo de min, aínda non cheguei ás peores partes da miña historia, houbo momentos no que me comportei coma unha verdadeira canalla. O meu camiño semellaba escuro, pero en certo momento atopei a luz. O que veño a contarte agora é anterior, cando aínda tiña un futuro negro ante min, pero nada é tan malo como o pintan.

Antes, cando era máis nova, menos coñecida, atopaba información nos bares. Os borrachos adoitan falar de cousas das que os sobrios non se atreven. Despois de varias ducias de teorías sobre como amañar o mundo e de promesas que non se cumprirán, alguén comenta algo que escoitou dalgún coñecido ou dalgún familiar. Unha historia aterradora, pero real. Esta dicía así:

—Ás aforas da cidade, entre os barrios pobres, hai unha colina. No cumio, unha mansión. Un edificio fermoso, antigo e señorial. Leva tantos anos abandonado que xa ninguén lembra quen vivía alí. Segundo din, uns rapaces apostaron que pasarían alí a noite. Podedes imaxinar que unha casa de luxo nun barrio pobre non permanece moito tempo intacta, pero esta o está. Non hai unha pintada nin un vidro roto. Incluso din que a madeira das fiestras parece en tan bo estado coma o día na que os seus donos a deixaron, se realmente a deixaron...

»Din que dos tres rapaces que subiron, tan só baixaron dous e a historia que contaban non era deste mundo. A casa non está deshabitada, pero alí xa non vive ninguén, entendedes? —eu si o entendía—. Polo que me dixo a veciña, pois un dos mozos é o seu sobriño, apenas chegaron a pasar o linde da casa, o primeiro que entrou xa non volveu a sair, antes de que os outros puideran reaccionar, unha forza pareceu succionalo cara o chan e desapareceu. Os seus amigos saíron correndo e non queren nin pensar en volver.

—Eses son contos de vellas —berrou un desde o outro lado da barra.

Comezaron a discutir, pero eu xa tiña a información que quería, así que marchei. Busquei a colina, estaba entre un par de malos barrios, pero iso non me preocupaba. Son bastante boa defendéndome, pero non me faría falta: as Gardas podemos disimular a nosa presencia ante os humanos sempre e tanto como queiramos. Se me concentro, podes estar xusto ante min e non verme.

Senteime nun banco desde o que se vía a mansión, sen dúbida era un edificio bonito. Teño boa vista, pero tiven que servirme duns prismáticos para velo con detalle. Observeina durante toda a noite, examinando as fiestras con coidado, buscando o máis mínimo movemento, cambios de luz, o que fora...

Hai un problema cos espíritos antigos e é que aprenden a usar os seus poderes bastante ben. Tamén acumulan poder co tempo, pero o máis importante é como se utilice. Pola historia de aquel home, esa casa levaba bastante tempo abandonada, pero era importante saber canto. Para unha Garda, vinte anos non son nada, pero se foran 100 ou máis, quizais tivera un problema.

Aprendín de Terra a ser prudente e, aínda que facía algo de tempo que non a vía, seguía facendo caso ás súas leccións. Á mañá seguinte fun en busca dunha compañeira, se atopaba a alguén de confianza, prefería abordar a misión entre varias, pero tiña que andarme con ollo. Xa che dixen que adoitamos axudarnos entre nós, pero poucas Gardas van poñer en verdadeiro risco a súa vida por alguén doutra escola. Non somos xente nobre.

Volvía ser de noite cando atopei a Moira, era unha compañeira da miña escola, algo máis nova ca min, pero moi prometedora, polo que se dicía. Atopala foi un golpe de sorte, ou iso pensei ao principio. Aceptou axudarme inmediatamente e acompañoume ata a mansión. Quedámonos fora, no banco no que acampara a noite anterior, pero esta vez foi ela que vixiou. Eu aproveitei para durmir un pouco. Cando se fixo de día camiñamos ata aló e puxemos sete barreiras de sal ao redor do edificio.

— Saben que estamos aquí —comentou Moira, evitando mirar cara as fiestras. Estaba algo nerviosa.

—Xa, non te preocupes, todo irá ben —sorrinlle e realmente o pensaba.

Houbo tantos momentos nos que puiden volverme atrás... Hai decisións das que te arrepintes para sempre.

Ao mediodía entramos na mansión. Eu fun a primeira en atravesar o umbral, estaba alerta, pero non sucedeu nada. Mirei ao meu redor, todo estaba en bo estado, pero cuberto por unha capa de po moi grosa. Arriba. Unha lámpada de araña moi ostentosa, tamén sucia e cuberta de telarañas. Que houbera insectos era un bo sinal, confieime. Abaixo, o chan, sucio, polo que dicía o home do bar, o rapaz fora succionado cara abaixo, pero non había ningunha marca visible. Tampouco o esperaba. E, por fin, volvinme cara atrás, para indicar a Moira que podía pasar. Pero ela xa non estaba alí.

Un instante de dúbida. Centos de pensamentos agolpados e medo, moito medo. Non, díxenme, son unha Loba. Centreime na ira. A ira porque a miña compañeira me abandonara, a ira pola súa debilidade, a ira por aquel rapaz que seguramente morrera de algunha forma terrible. Centreime na ira e fíxenme máis forte. Camiñei cara o interior e, o primeiro que fixen, foi purificar a área na que me atopaba. Iso faise con lume, un lume especial que non queima. Despois cubrín esa zoa con sal, sorte que Moira escapara despois de facer as barreiras exteriores, se non, non me quedaría suficiente para crear un refuxio. Quedeime no interior da zoa segura, agardando. Xa pasaba do mediodía, eles agardarían á noite, cando son máis fortes. Sorrín, non tiñan modo de saber que eu tamén son máis forte baixo a lúa. Como desexaría agora non ter agardado...

A primeira en aparecer foi unha nena. Eu tiña os ollos pechados e finxin non vela, pero sentía o seu odio. Non podía atravesar a miña barreira, mantívenme tranquila, sentada no chan coas pernas cruzadas e a respiración lenta. Levaba un pantalón ancho con moitos bolsillos, nos que gardaba os materiais necesarios para realizar a miña misión. Ademais, tiña algunha arma máis terreal agochada polo corpo. Podo lembrar que sorría, pero non era un xesto de felicidade, era unha manifestación da rabia que sentía por dentro e que me inundaba de poder. A lúa comezaba a erguerse, podía notalo no meu sangue.

O segundo foi un ancián. Estiven a piques de abrir os ollos cando o sentín, aquel ser só manifestaba dor. Seguramente fora un simple observador da maldade do lugar. Quizais levara alí máis tempo que o resto. Podía ser un aliado. Tardei varios minutos en decidirme a miralo. Tiña aspecto humano e vin no seu interior moito cansanzo, levaba demasiado tempo no mundo dos vivos. Nese momento prometinme facer o posible por liberalo.

—Que che retén, vello? —inquirin con ton indiferente. Comezaba a manexar mellor a miña voz, a separala do torrente emocional do meu peito —. Dime, que fas aquí?

—Non lle fales! —berrou a mocosa. Non sei a quen dos dous se refería, pero o antigo home, decidiu ignorala.

—Fai moito tempo que coido deste lugar. Non podo irme mentres permaneza en pe —respondeu. E a inmensa tristeza que reflexaba ameazou con tocar o meu corazón, pero non o permitín.

—Entón quizais queiras axudarme, avoiño. Escoitei a historia dun rapaz que, hai uns días, tivo un problema por aquí...

—NON!!!

O odio da nena era tan forte que case se podía tocar. Sentín algo de medo, pero tiven que contelo. Resistinme a mirala, incluso cando rexeitou ao vello e nos quedamos solas. Pareceume impresionante que tivera ese poder, non todos os espectros poden facer dano a outros. Non me volvín, mirala aos ollos sería a miña perdición. Os ollos son a porta da alma, mesmo cando xa estás morto. Cando toman forma humana non poden evitar enfocar os seus sentimentos nos seus ollos, é algo involuntario, natural. Se a miraba, inundaríame o seu odio e podería posuírme. Non o ía permitir.

—Quero que te vaias —ordeoume. O seu ton era moi autoritario, pero non me extrañaba nunha casa coma aquela, seguramente en vida mandaba sobre os criados.

—Ese é o teu problema —respondín. Non son moi boa cos nenos.

—Quero que te vaias! —repetiu, máis alto. A súa voz parecía vir de todas partes —. Se non me fas caso, direillo ao meu papá.

Aquilo era máis que unha ameaza. Sería o seu pai o espírito máis forte da casa? Deiteime boca arriba e mirei ao teito. Seguía confiando na axuda do vello.

—Como te chamas? —preguntei.

Non respondeu en seguida.

—Annia.

—É un nome bonito. A min podes chamarme Tori.

—Non quero chamarte de ningún modo! Vaite! —volvía a berrar, pero esta vez pareceume notar tamén algo de medo.

—Non me vou ir, Annia. Fixéchedes algo moi feo e non podo deixalo estar. Aquel chico non tiña...

—CALA!!!

Desapareceu. Quedeime soa. Ao meu redor o lume seguía ardendo, alimentándose da enerxía fantasmal. Non desaparecería ata que non quedase nada. Non quixen volver mirar ao meu redor, mantiven a vista fixa sobre a lámpada de araña, moi arriba no teito. Pensando en cantos pratos de comida podería pagar aquel luxo e en cantas vidas se terían tomado naquela casa. Xuntaba ira, para o momento oportuno.

Á miña dereita había unhas escaleiras longas, moi señoriais. Polo rabillo do ollo puiden ver movemento. Non me gustou non telo sentido antes. Non había apenas emocións na persoa que baixaba as escaleiras e tardei bastante tempo en notar que era un home. Iso preocupoume. Parte da túa supervivencia como Garda depende do rápido que detectes as emocións do teu inimigo, para lanzar o conxuro adecuado. Cando non hai emocións, só podes selalo, pero iso faríame moi vulnerable nunha casa tan chea de odio.

—Non está ben entrar en casas alleas e asustar aos nenos —dixo. A súa voz era profunda e terrible, era un ton medido, ensaiado para asustar, para impoñer.

—Non está ben matar humanos.

Erguinme lentamente. O espectro presentábase coma un home de aspecto recto, cun traxe escuro e o pelo moi coidado. Non me fixo falta verlle a cara para saber que estaba deformada nun xesto de desprezo.

—Esta é a miña casa —replicoume —. Non acepto descoñecidos nela e, se alguén se achega sen permiso, debe pagalo coa vida. Debíanme agradecer ter tomado só unha. Vaite e non volvas, nunca.

—Eu tamén me acheguei sen permiso, porque non teño que pagar? —inquirín con desdén.

—O teu tributo xa está tomado —respondeu. E desapareceu.

Na súa voz había un repugnante placer que non me podía quitar de enriba. Moira... Non me abandoara. Estaría xa morta? Non, teríao sentido. Cando a alma dunha Garda se libera, o resto o notamos. Avergónzame confesar que pensei en irme de alí sen ela. Era outra persoa por aquel entón.

Pasaron varios minutos nos que non me decidía. Observei a porta, pensativa, podería salir de alí sen que me atacaran? En certo modo, confiaba na promesa daquel ser, pero tampouco quería irme derrotada.

—Non podes irte sen ela —regañoume unha voz. Era o vello.

—E como a salvo, avoiño? —quixen saber, deixando saír algo de rabia —. Dime ti, se tanto tempo levas aquí, por que non te enfrontas a eles. Sálvaa ti, tamén tes poder.

—Non podes irte sen ela —repetiu con paciencia —. Intentarei axudarche, pero non é tan sinxelo, eu...

Desapareceu. No instante no que deixou de falar, puiden notar máis presenzas ao meu redor.

Comentarios